|
Director: Bram Sniekers |
|
BANDA DE LALÍN |

|
Reseña histórica de la Banda (só en Galego) |
|
A historia da Banda de Música de Lalín constrúese a través de cinco datas clave: 1.942, 1.963, 1.975, 1.977, e 1.992. En 1.942 xorde en Lalín unha banda formada por músicos doutras bandas do Concello (Goiás, Bermés, A Penela,…). Baixo a batuta de D. Lucas, primeiro director desta agrupación, atopábanse Claudio, Inocencio, Canteiro, Felipe, Manolo (fliscorno), Benito, Magín, Elías (trombón), Antonio (fliscorno), o “Requinto” de Trascastro, Celso, Ismael, Antonio do Outeiro, Manolo, “Requinto”, Polo, Julio e “Catabís”. Tras D. Lucas, e ata o momento da súa disolución en 1.963, esta formación contou con outros catro directores: D. Arturo, D. Amadeo Valero, D. Jesús Pérez Rivas e D. Faustino del Río. Durante dúas décadas a academia de ensaio estivo situada preferentemente na Casa do Panadeiro, sita no Empalme.
Foto da Banda de Música de Lalín na década de 1.960
Por mor da emigración a países como Venezuela, varios músicos tiveron que abandoar esta formación, quedando reducida a só 11 membros en 1.963: Manolo, o “Requinto”, Camilo, Elías, Luis, o “Tenor”, Jesús, o “Tren” de Padro, Salustiano, Celso (barítono), e Benito. A diminución dos membros da plantilla trouxo consigo a disolución da Banda. Pero en 1.975, D. Celso Blanco Álvarez tivo a idea de formar unha especie de fanfarria composta por un grupo de músicos que non exercían dende facía bastante tempo e que xa contaban cunha idade avanzada. Este conxunto, baixo o nome de Banda de los Veteranos presentouse por primeira vez en público nas festas de San Cristobo dese mesmo ano, sendo dirixidos por D. Claudio González. Foi tal o éxito que colleitaron nese festexo que a partir de entón foron requeridos para actuar en varias festas populares. Este grupo medrou tan rapidamente que en 1.976 chegou a contar con 45 músicos (todos da comarca), a pesar de que algún deles xa había tempo que non tocaba.
Foto da Banda dos Veteranos
Froito deste rexurdir musical, en 1.977 creouse unha sociedade musical onde, ó entraren novas persoas e ideas, se formou a Banda Cultural de Lalín. Nese ano cesou como director D.Claudio González González, seguindo como músico da Banda. O seu substituto, D. Anxo Pereiro Cores, estivo ó frente da formación ata 1.979, ano no que foi relevado na dirección por D. Antonio Quintairos Grande. En 1987 entrou como director D. Fernando Vázquez Arias que, durante algún tempo, compaxinou esta tarefa co cargo de Director do Conservatorio Municipal de Lalín. Este foi substituído no verán de 1.991 por D. Miguel Calero Navalón, último director que tivo esta formación baixo o nome de Banda Cultural de Lalín, xa que en 1.992, coíncidindo coa chegada dende Holanda do actual director D. Marcel van Bree, esta agrupación abandonou o adxetivo de “Cultural” e pasou a chamarse Banda de Lalín. Este cambio de nome supuxo o comezo dunha nova época para esta formación, marcada polos éxitos acadados durante a última década. Na consecución destes éxitos xogaron un papel determinante os seguintes factores:
1º.- A construcción do Conservatorio Municipal de Lalín, que posibilitou unha mellor formación académica e un incremento cualitativo e cuantitativo dos músicos pertencentes a esta Agrupación.
2º.- A disposición do Padroado Cultural de Lalín para apoiar calquera tipo de manifestación cultural, pero moi especialmente aquelas que gardan relación coa música de banda. Como agradecemento a esta preocupación, a directiva e os músicos da Banda de Lalín aproveitaron a celebración de Sta. Cecilia (ano 2.003) para distinguir a D. SaturnoLuis Valdés González (fundador do Círculo Musical de Lalín) como Presidente de Honor desta Agrupación.
3º.- O bo traballo de D. Marcel van Bree como director da Banda, que, contando co apoio do Padroado Cultural, tamén soubo aproveita-lo seu cargo de Director do Conservatorio Municipal de Lalín para organizar varios “Master Class” que contribuiron non só á formación dos alumnos do Conservatorio, senón tamén á dos músicos da Banda. Entre estes cursos de perfeccionamento cómpre destaca-los de dirección impartidos por D. Henrie Adams (1.994, 1.996, e 1.998) e por D. Johan de Meij (2.003), así como os de clarinete (D Andrew Marrier, D. Joan Enric Lluna, D. Michael Harris e D. Michelle Carulli en 1.996; D. Vicente Alberola e D. Michelle Carulli en 1.997; D. Xavier Vidal no 2.001; e D. Lars Wouters no 2.002), os de saxofón (D. Andrés Gómix en 1.996; e D. Narciso Pillo en 1.999), os de percusión (D. Alejandro Sanz Redondo, D. Simón Levey, e D. Joseph Belmonte Monar no 2.000), os de frauta e frautín (D. Laurent Blaiteau e D. Luis Soto no 2.002), o de trompeta (D. Benjamín Moreno en 1.996), o de fagote (D. Vicenzo Menghini en 1.996), o de oboe (Dna. Esther Viudez en 2.002), o de violonchelo (D. Demetri Motatu en 1.996), e o de trombón (D. Jörgen van Rijen no 2.003).
Á par que se impartiron estes cursos de perfeccionamento, a Banda de Lalín foi dirixida por tres directores invitados que deixaron patente a súa categoría tanto humana como profesional: o galego D. Xosé Ramón Sierra (ex membro da Banda Municipal de A Coruña), e os holandeses D. Henrie Adams e D. Johan de Meij. Este último estivo acompañado por D. Jörgen van Rijen, prestixioso intérprete de trombón.
Actualmente a Banda de Lalín conta con 74 músicos, que se atopan distribuídos por cordas da seguinte maneira: a Frauta: 6 a Frautín: 1 a Oboe: 1 a Clarinete: 18 a Clarinete Baixo: 1 a Fagote: 3 a Saxofón Alto: 6 a Saxofón Tenor: 4 a Saxofón Barítono: 1 a Trompa: 6 a Trompeta: 8 a Trombón: 4 a Bombardino: 3 a Tuba: 4 a Violonchelo: 4 a Contrabaixo: 2 a Percusión: 8
Trala construcción do Conservatorio Municipal de Lallín en 1.992, a Banda fixou o seu domicilio no Auditorio Municipal (sito no edificio do Conservatorio) (art. 5 dos Estatutos da Banda de Lalín). Aí é onde tamén teñen lugar os ensaios e gran parte dos concertos que ofrece anualmente, entre os que cómpre destaca-lo de Sta. Cecilia (21 de Novembro) e o de Fin de Ano, que xa vai pola súa XVII edición. O poder gozar dunhas instalacións axeitadas para o exercicio musical non só influíu e inflúe no crecemento e mellora cualitativa desta formación, senón que tamén puxo remate ós continuos cambios que se produciron no “lugar da academia” dende que D. Celso Blanco decidira refunda-la Banda: na Casa da Faílda (no Empalme), no baixo da Imperial (propiedade de José Brey, que fora músico desta grupación), na Casa da Xuventude, no baixo da casa de Manolo Neira (tamén foi músico desta Banda), e, finalmente, no que fora antigo Conservatorio de Lalín, sito á beira do Pavillón de Deportes.
Nesta pequena historia da Banda de Lalín tamén cómpre facer referencia ó seu uniforme, xa que nel, dende 1.977, apréciase a identidade desta Formación, onde a cor azul para o traxe e a branca para a camisa se convertiron no seu signo externo de identificación. Coa creación da Banda Cultural de Lalín imprantouse o traxe azul e a camisa branca, sendo acompañados por unha garabata vermella, unha gorra azul, e uns zapatos negros. Este mesmo vestiario mantívose tras cambia-la denominación desta Agrupación pola de Banda de Lalín, cambiando só a cor da garabata (que pasou a ser negra) e a forma da gorra (que pasou a ser de plato). Tamén se fixo un segundo traxe azul para o inverno, no que só ó grosor da tea e a cor da garabata (azul con raias vermellas) o diferenciaban do de verán.
En 1.995 esta formación fíxose cun esmoquin negro (realizado por D’Aquela) que a Radio Televisión de Galicia (RTVG) entregou a todas aquelas bandas que tomaron parte no Certame que este medio de comunicación organizou en 1.995. Esta donación tiña a súa xustificación no querer que tódalas agrupacións participantes foran vestidas da mesma maneira na procura dunha homoxeneidade externa. A este esmoquin, utilizado actualmente nas actuacións máis relevantes, acompáñano unha camisa branca, unha paxarita negra e uns zapatos de charol. En 1.997, a directiva da Banda encargoulle ó modisto lalinense Florentino Cacheda a realización dunha segunda indumentaria como alternativa ó tradicional traxe azul. Este segundo traxe era de cor gris, levando como complementos unha camisa branca, unha garabata estampada e uns zapatos negros. Pronto se deixaría de utilizar, xa que a cor de algún deles non tiña o mesmo tono có da maioría.
Traballo realizado por Xoán Carlos García Porral |